Reitor e presidente do Consello Social presentan os actos de celebración do 25 aniversario da Universidade da Coruña

O reitor, Xosé Luís Armesto Barbeito, e Antonio Abril Abadín, presidente do Consello Social da UDC.

O reitor, Xosé Luís Armesto Barbeito, e Antonio Abril Abadín, presidente do Consello Social da UDC.

A Coruña, 5 de xuño de 2014.- O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto Barbeito, e o presidente do Consello Social, Antonio Abril Abadín, presentaron esta mañá en rolda de prensa algúns dos actos previstos para a celebración do 25 aniversario da creación da Universidade da Coruña baixo o lema “25 anos da Universidade da Coruña. Avanzando o futuro”.

Ademais de contar cun logo específico conmemorativo desta sinalada data, unha comisión organizadora presidida polo reitor e polo presidente do Consello Social, está a organizar toda unha serie de actos para poñer de relevo os logros acadados nestes 25 primeiros anos de existencia da universidade pública das cidades da Coruña e Ferrol.

O inicio das actividades virá marcado pola conferencia do Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica 2006, Juan Ignacio Cirac Sasturain, actual director do Instituto Max Planck de Óptica Cuántica en Alemaña. Cirac Sasturain, posible candidato a Premio Nobel, é un referente internacional tanto no campo da información cuántica como no da teoría cuántica da luz e a física atómica. As súas contribucións científicas están a ser decisivas para o desenvolvemento de comunicacións completamente seguras, grazas a métodos de cifrado cuántico, e para a construción de ordenadores potencialmente capaces de realizar en segundos cálculos que superan os límites actuais da supercomputación, o que marcará o futuro do progreso.

A conferencia, prevista para o 19 de setembro deste ano, abrirá oficialmente un programa de actividades que se irá concretando nos próximos meses e que pretende a inclusión da celebración do aniversario da Universidade da Coruña de toda a comunidade universitaria: profesorado, estudantado e persoal de administración e servizos e da cidadanía en xeral, así como a valorización da aportación da universidade pública do norte de Galicia ao desenvolvemento social e económico do país. Deste xeito, está previsto que se organicen encontros e debates con anteriores reitores e presidentes do Consello Social, antigos alumnos e profesores da Universidade da Coruña.

Entre outros actos xa pechados, o vindeiro curso farase Doutor Honoris Causa ao profesor Michael Apple polas súas extraordinarias contribucións no ámbito da educación. Apple, proposto pola Facultade de Ciencias da Educación e que contará como padriño do seu nomeamento co profesor Jurjo Torres Santomé, é un dos 50 autores máis influentes en educación no século XX. O seu libro “Official Knowledge” foi seleccionado como un dos libros máis importantes do século XX nas ciencias sociais. O doutor Michael Apple imparte docencia na Universidade de Wisconsin-Madison, Estados Unidos.

Tamén está en proceso de produción unha exposición que recolla documental e graficamente a historia da Universidade da Coruña estes 25 anos. Esta mostra de fotografías, documentos e obxectos amosa a evolución da institución desde o seu inicio até o día de hoxe.

Así mesmo, as décimas Xornadas de Lingua e Usos que organiza o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña os vindeiros días 9, 10 e 11 de xullo en Carballo, estarán dedicados a analizar as políticas lingüísticas e o seu resultado neste tempo.

Desde a vicerreitoría de Estudantes, Deportes e Cultura programan tamén diversas actividades especiais que se desenvolverán o vindeiro curso e que terán como eixo a celebración do 25 aniversario da Universidade da Coruña. Ademais destes actos institucionais, os campus da Coruña e Ferrol acollerán outras iniciativas organizadas polas facultades e escolas ao abeiro desta conmemoración, como a Bienal de Química en 2015.

A Universidade da Coruña foi creada pola Lei 11/1989 do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia. O Claustro Constituínte aprobou, o día 4 de febreiro de 1992, os Estatutos da Universidade que foron publicados no DOG do 17 de setembro de 1992. A Universidade da Coruña está estruturada territorialmente en campus da Coruña e campus de Ferrol. Conta actualmente con 21 centros propios e 3 adscritos e imparte 38 graos, 62 mestrados e 31 programas de doutoramento a un total de 21.336 estudantes. O seu persoal docente e investigador ascende a 1.423 persoas e o de administración e servizos a 747.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s