O Consello Social da UDC entrega o Premio IMPULSO ao Grupo Integrado de Ingeniería e o Premio CONFIANZA a Enmacosa

PREMIOS CONSELLO SOCIAL

Richard Duro, do GII; Ricardo Cao, vicereitor de Investigación e Transferencia; Antonio Abril, presidente do Consello Social; e Manuel Miranda, de Enmacosa.

A Coruña, 7 de febreiro de 2012. O Consello Social da Universidade da Coruña entregou esta noite o Premio IMPULSO UDC, aos grupos de investigación máis competitivos da UDC, e o Premio CONFIANZA UDC, ao compromiso da empresa coa Universidade.

O Premio IMPULSO UDC foi outorgado ao Grupo Integrado de Ingeniería da UDC (GII), en recoñecemento ao seu compromiso coa consecución de obxectivos que o Consello Social considera prioritarios no eido da I+D+i. O Pleno do Consello Social, reunido o pasado 20 de decembro de 2012, salientou a importancia da aposta do GII pola transferencia dos resultados da investigación desenvolvida no marco das súas principais liñas de investigación, centradas na enxeñaría naval, a enxeñaría de fluídos, a organización industrial e os sistemas autónomos. Durante os últimos anos, esta aposta vénse materializando en múltiples proxectos de colaboración universidade-empresa que deron importantes froitos. De entre eles, merecen ser destacados:

i)               Os traballos realizados na seguridade das xentes do mar, desenvolvendo, xunto con diversas empresas e estaleiros, sistemas de control de estabilidade e prevención de resonancia paramétrica en buques ou de detección de caídas de mariñeiros ao mar.

ii)             O desenvolvemento de diversos sistemas para plataformas offshore.

iii)            As actividades e estudos relacionados coa robótica intelixente en aplicacións industriais, deseñando e construíndo robots autónomos para estaleiros ou para a súa operación submarina.

iv)            Os traballos de organización industrial sobre a optimización do uso de recursos de estaleiros ou portos ou o desenvolvemento de novos sistemas industriais como o dun sistema portátil para o reconto de lousas en palé.

O labor de investigación e de transferencia ás industrias locais por medio dos proxectos realizados con elas levou ao GII, ademais, á obtención de cinco patentes, entre as que se pode citar a dun nodo de instrumentación para un sistema de intelixencia ambiental,  e de 38 rexistros de software de diferentes aplicacións realizadas coma parte do desenvolvemento dos proxectos de investigación.

O Premio CONFIANZA UDC foi concedido a Enmacosa S.A. en recoñecemento aos méritos acreditados, que reflicten o compromiso e a implicación da empresa na consecución de obxectivos que o Consello Social considera claves no eido da colaboración universidade-empresa. Durante os últimos anos, a aposta de Enmacosa S.A. pola colaboración coa UDC ven materializándose en múltiples e importantes iniciativas no eido do fomento da formación en competencias do estudantado da UDC, da inserción laboral dos antigos alumnos da UDC, e da promoción da investigación e a transferencia de tecnoloxía.

Actualmente a empresa participa en colaboración coa UDC na posta en marcha de tres ambiciosos proxectos de I+D con un orzamento total de 1,7 millóns de euros ata 2014. Trátase das iniciativas Odisea (Optimización do deseño de estruturas de torres de alta tensión. Grupo de Métodos Numéricos en Enxeñería. GMNI), Meteores (Desenvolvemento e mellora de modelos teóricos do formigón estrutural a partir da súa dosificación mediante técnicas de programación xenética e redes de neuronas artificiais. Grupo de Construción. GCONS) e Tovías (Sistema de visualización, interacción e análise topográfica. Grupo de Redes de Neuronas Artificiais e Sistemas Adaptativos. RNASA).

O Consello Social salientou ademais a importancia da aposta de Enmacosa pola formación en competencias e a inserción laboral dos titulados da UDC, á vista da súa intensa participación nos programas de prácticas profesionais promovidos pola UDC e do peso que en termos cuantitativos teñen os titulados universitarios procedentes da UDC no cadro de persoal de profesionais vinculados á empresa.

De feito, Enmacosa SA acolleu a nove estudantes en prácticas durante os últimos anos, outros catro profesionais foron contratados a través da Fundación Universidade da Coruña e 58 titulados da UDC, de carreiras como Arquitectura Técnica, Arquitectura Superior, Enxeñería de Camiños, Enxeñería Técnica de Obras Publicas e Informática, traballaron tamén na empresa galega. Así mesmo, Enmacosa SA ten participado con relatorios divulgativos en actividades da Escola de Enxeñería de Camiños, asinou un contrato de prestación de servizos para desenvolver planes de autoprotección coa Universidade e colaborou noutros proxectos de investigación hoxe xa rematados.

A través dos Premios IMPULSO UDC e CONFIANZA UDC, o Consello Social da Universidade da Coruña pretende honrar e recoñecer publicamente os grupos de investigación da nosa institución e as empresas do seu contorno que destaquen pola súa singular contribución á consecución de obxectivos que, desde a perspectiva da misión, visión e compromiso do Consello Social da UDC, contribúen á implantación dun modelo produtivo baseado na transmisión e explotación do coñecemento.

Neste senso, IMPULSO UDC e CONFIANZA UDC nacen como instrumentos de fomento orientados a favorecer a implantación de boas prácticas na transferencia de coñecemento, internacionalización e captación de recursos por parte dos grupos de investigación da nosa universidade e como fórmula para recoñecer o labor daquelas empresas e institucións do noso contorno, que nun  exercicio de confianza na institución universitaria apostan pola colaboración coa Universidade da Coruña como vía para avanzar cara á meta do progreso.

O Grupo Integrado de Ingeniería (GII) nace no ano 1999 da unión de tres grupos de investigación xa consolidados na Universidade da Coruña: o Grupo de Sistemas Autónomos (GSA), o Grupo de Organización Industrial (GOI) e o Grupo de Ingeniería de Fluídos (GIF). Trátase dun grupo multidisciplinar que desenvolve investigación en ámbitos moi variados dentro da enxeñaría e da computación. O seu centro de traballo principal está situado no campus de Ferrol da Universidade da Coruña. Actualmente, o GII está formado por profesores universitarios, investigadores e colaboradores pertencentes principalmente aos departamentos de Computación, Enxeñaría Naval e Oceánica e Análise Económica e Administración de Empresas.

A multidisciplinariedade do grupo é un aspecto salientable, sendo diversas as liñas de investigación a que se dedica. A maioría do traballo desenvolvido polo grupo ten lugar na intersección de varias destas liñas, especialmente no que se refire a proxectos industriais.
Enmacosa S.A. é unha empresa situada na provincia de Pontevedra, dedicada á consultoría técnica no eido da enxeñaría. Na actualidade conta cun grupo multidisciplinar, que desenvolve proxectos de asistencia técnica en eidos diversos como o da edificación, laboratorio, xeotecnia, instalacións, obras civís, seguridade e saúde.

Que é o Consello Social da UDC? O Consello Social da Universidade da Coruña é o órgano de goberno universitario que garante a participación da sociedade galega na UDC e impulsa a colaboración entre esta e aquela. A función primordial do Consello Social é contribuír á satisfacción das necesidades do contorno por parte da universidade, co fin de promover o desenvolvemento social, económico e cultural de Galicia. O Consello Social da UDC é a ponte de unión entre a sociedade galega e a Universidade da Coruña.

A obra de arte. A peza coa que se distingue aos premiados, foi deseñada polo artista arousano Miguel Piñeiro e simboliza o recoñecmiento por parte do Consello Social do  esforzo realizado tanto polos grupos de investigación, como polas empresas  para o fomento da interrelación entre a UDC e a sociedade.  Unha cadea cuxo eixo central integrase polas siglas da UDC é a metáfora empleada para representar o vínculo entrambos estamentos.

Máis información do Grupo Integrado de Ingeniería: http://www.gii.udc.es

Máis información de Enmacosa S.A.: http://www.enmacosa.com

Link a fotos da entrega de premios: http://goo.gl/2Njh7

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Ligazón permanente.

One Response to O Consello Social da UDC entrega o Premio IMPULSO ao Grupo Integrado de Ingeniería e o Premio CONFIANZA a Enmacosa

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s